Xoves, 12 Decembro 2024
Martín Códax con suave acento brasileiro
Escrito por C.F. / La Voz de Galicia    Luns, 10 Maio 2010 10:07    PDF Imprimir Correo-e
Prensa - Nos medios

A   brasileira Socorro Lira versiona cantigas de amigoLibro, disco e concerto. Tres iniciativas para un argumento que ten como núcleo as cantigas de amigo reinterpretadas dende o presente, dende a perspectiva femenina e dende o nordés brasileiro. Cores do Atlántico é unha iniciativa con varias frontes e varios socios para que a lírica galaico-portuguesa adquira outra volta actualidade.

 

O punto de destino principal desta iniciativa será o concerto que se celebrará o vindeiro día 14 na Illa de San Simón para escoitar as cancións dun disco que, baixo o mesmo título, ofrece a visión que a cantora brasileira Socorro Lira ten dunha serie escollida de cantigas de amigo, versionadas no musical e no textual para achegalas á lectura de hoxe.

Promovido pola asociación Ponte... nas Ondas e editado por Pai Música, o proxecto ten unha base académica en canto á selección das pezas e uns complementos visuais e plásticos.

O punto de partida para estas cantigas ten que ver co estudo realizado pola profesora Ría Lemaire que explica que estas cantigas formaban parte dun repertorio que cantaban as mulleres de xeito habitual. A partir dese repertorio, Socorro Lira fixo unha escolma de cantigas utilizando aquelas que se axeitaban mellor tanto no musical como no textual. A cantora sinalou que ela procede no nordeste do Brasil e ese é «un territorio no que aínda se conservan ben as tradicións que viñan da Península». A escolma de Cores do Atlántico inclúe composicións case inevitables cando se trata da lírica galego-portuguesa como Lelia Doura, de Pero Eanes, ou as cantigas atribuídas a Martín Códax, Mendinho ou Pero Meogo.

O proxecto forma parte de Creativa, un programa de industria cultural auspiciado pola Agadic para Galicia e o Norte de Portugal de xeito que esa colaboración tamén se deixa notar no disco e no concerto da vindeira semana. Socorro Lira está acompañada nas gravacións por Uxía e máis as Leilía, e tamén por músicos portugueses como João Afonso ou Teresa Paiva. Músicos que tamén participarán no concerto sumándose a Margareth Menezes, brasileira, ou a guineana Eneida Marta.

Así como no libro-disco están incorporadas as ilustracións de Quique Bordell, no concerto haberá espectáculo complementario coas proxección dos audiovisuais de Xoán Curiel.

Como presentación do concerto e do libro, haberá dende esta fin de semana pequenas actuacións de Socorro Lira en Valença, Ourense, Salceda de Caselas, e no Verbum de Vigo. Santi Veloso anunciou que o concerto será transmitido a través da rede.

Ligazón directa

 

Co financiamento de:
logos_pie_cores