Mércores, 24 Abril 2024
Prólogo de Camiño Noia
PDF Imprimir Correo-e

A aparición no mercado de Cores do Atlántico é un gran acontecemento para todas as persoas que gustan da boa música, e de xeito especial para Nós,  xentes desta beira peninsular; un territorio que hoxe se coñece como Eurorrexión Galiza-Norte Portugal e que eu prefiro chamar Gallaecia, como a chamaron os colonizadores romanos.

A saída dun produto cultural de calidade é sempre un feito importante para os que o reciben, mais, neste caso, hai dúas razóns engadidas. A primeira porque se trata de cantos alicerzados no noso patrimonio popular, aqueles que cantaban as mulleres de aquén e de alén Miño nas súas longas xeiras de traballo e nas súas escasas horas de lecer. E ese importantísimo legado galego-portugués, do que hoxe goza a Humanidade, está, neste traballo, enriquecido coas melodías agromadas no novo mundo pola fusión de culturas de distintos pobos grazas ao traballo de composición e interpretación de Socorro Lira, que fixo un magnífico traballo de mestizaxe entre os vellos temas de amor e soidade e os alegres ritmos tropicais. Unha obra que, nacida da tradición oral do Noroeste da Península Ibérica, está enxertada na cultura dos novos países de lingua portuguesa cos que compartimos o noso patrimonio lingüístico e cultural.

A segunda razón pola que Cores do Atlántico é importante está na ampla presenza que hai de mulleres. Porque, como dixemos, foron mulleres e non homes as que compuxeron as cantigas de amigo; eles transcribíronas, asináronas e, algúns, cantaríanas acompañados de cítaras, zanfonas e doutros instrumentos. Mais a creatividade e, por tanto, a autoría, é das mulleres galegas e portuguesas que viviron nos séculos XII e XIII da Idade Media. E tanto nos ten que fose Mendiño, Martín Codax, Xoan de Cangas ou Pero Meogo quen as rubricasen, porque estamos certas de que esa rúbrica oculta a autoría dunha muller. E, moi probabelmente, fose o propio copista quen utilizase o pseudónimo para asinar as cantigas que transcribía, respectando a autoría da anónima autora.
O CD contén 16 cantigas de amigo, seleccionadas pola autora e intérprete Socorro Lira, coa colaboración de Ria Lemaire, entre as cen cantigas paralelísticas gardadas nos cancioneiros medievais. Con elas, Socorro quere homenaxear neste traballo musical ás cantadeiras da súa Terra do Nordeste do Brasil ás que ela ten escoitado cantar nas xeiras da recollida do algodón e da froita, «puxando o verso» ao cantar. Do mesmo xeito, as nosas devanceiras galegas cantaban e regueifaban mentres segaban, ían á fonte ou debullaban o millo ou as fabas na eira. En palabras de Ria, «a canção era ao mesmo tempo trabalho, divertimento, exercício mental e poético». En todas partes do mundo, as mulleres, sen deixar de traballar arreo, foron creando e transmitindo a cultura popular, que logo outros fixeron alta cultura.

Acompañan á música do disco un libro con dous textos introdutorios que lle engaden valor á obra, un que explica o proxecto de Cores do Atlántico e o outro, da profesora holandesa Ria Lemaire, no que analiza a orixe, a estrutura e os ritmos das cantigas de amigo, dándolle unha nova interpretación, diferente da que aprendemos dos especialistas do tema. Explica Ria con grande mestría, exemplificando con datos o que di, como a interpretación, hoxe canonizada, dos académicos se basea na «visión do mundo, da natureza, do amor e da muller» que tiña a burguesía europea desde o século XIX. Unha concepción patriarcal que foi a dominante en todos os ámbitos culturais, e que se propagou nas universidades e nos centros de ensino secundario como verdade intocábel. 

Coñecín a Socorro Lira en setembro de 2006, en San Salvador da Bahía cantando acompañada da súa guitarra e fiquei conmovida póla súa fermosa voz. Ao saber que residía en Vigo, faloume do proxecto de musicar cantigas de amigo e do seu desexo de visitar a illa de San Simón. Na súa primeira viaxe a Galiza, Socorro foi cantar á Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo e, nunha atardecida máxica visitamos con Gonzalo Navaza a illa de San Simón; a illa de amor e de morte que percorremos os tres sos contemplando os lugares sagrados do mar de Vigo mentres recitábamos «Quantas sabedes amar amigo/ treydes comig’a lo mar de Vigo./E banhar-nos-emos nas ondas!», «Sedia-m’eu na ermida de San Simión/ e cercaron-mi as ondas que grandes son./ Eu atendendo meu amigo», «Ay ondas, que eu vin veer,/se me saberedes dizer/ porque tarda meu amigo/ Sen min?»

Na segunda viaxe á Gallaecia, Socorro traía musicadas as súas cantigas de amigo para editar nun CD. A miña sorpresa foi enorme cando souben que no proxecto participaba a medievalista Ria Lemaire. A obra desa muller servírame de apoio na miña arriscada tese sobre a autoría feminina das cantigas de amigo, e, por fin ía coñecela. Foi un día en Baiona, nunha viaxe a Portugal, cando nos encontramos. A partir de aí, mantivemos a relación e volvemos atoparnos noutras ocasións, con e sen Socorro. Nunha das viaxes a Vigo, as creadoras do proxecto toparon con Santi Veloso e o seu equipo de «Ponte... nas ondas!», e ese encontro sería determinante na xestación do CD Cores do Atlántico. Un agasallo co que «Ponte...nas ondas!» quere celebrar os quince anos de traballo na defensa do patrimonio inmaterial da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal involucrando nela os escolares deste territorio. Un traballo que aplaudimos porque se ocupa dun patrimonio común que, sen ningunha dúbida, merece que a Unesco lle outorgue o galardón de ser declarado Patrimonio da Humanidade.

Cores do Atlántico é, en definitiva, unha obra diferente, innovadora, da que gozarán os espíritos abertos; mais é tamén unha creación transgresora que, talvez, chegue a escandalizar as conciencias dos académicos tradicionais que non gustan de innovacións. Pois, ademais da ousadía de darlle ás mulleres a autoría das composicións paralelísticas, a obra subverte a cultura canónica ao fusionar a lírica medieval cos ritmos afrobrasileiros. 

Porén, a mestizaxe cultural das composicións do vello mundo galego-portugués vén enriquecer a cultura peninsular con evocadoras sonoridades de mundos distantes que proxectan o noso patrimonio galego-portugués cara a un futuro de universalidade.

Camiño Noia
Marzo 2010

 

Co financiamento de:
logos_pie_cores