Martes, 05 Novembro 2024
Uxía
PDF Imprimir Correo-e
UxiaUxía concibe escribindo palabras e músicas que saen sempre do máis profundo e íntimo do ser, da alma. Mais de vinte anos de carreira artística convértena nunha das voces máis populares e valoradas da nosa lingua. As súas cancións teñen sempre a presenza latente ou explícita da música tradicional, cun tratamento anovador e persoal.
Desde o seu debut con Foliada de Marzo en 1986, o seu traballo representa un punto de encontro para as diferentes culturas, un xeito de comunicación entre pobos e xentes.

Integrante do grupo “Na lúa” até 1991, Uxía emprende un camiño en solitario que responde a unha natural evolución da súa carreira artística. Nese mesmo ano publica “Entre cidades”, e catro anos despois, “Estou Vivindo no ceo”, disco que afianza a súa proxección internacional.

En 1997 edita xunto ás cantantes Rasha e María Salgado e o guitarrista Cuchús Pimentel La sal de la vida, un disco marcado pola diversidade e polo cruce cultural.
Xa en 2000 publica Danza das areas, un traballo que representa un punto de inflexión na súa traxectoria con composicións propias e sons máis contemporáneos.

Sempre tivo a convicción de que un pobo que cantou desde tempos inmemoriais non pode perder un instrumento tan fundamental como a propia voz. Por esa razón, promoveu a creación de grupos de cantareiras e participou en numerosas experiencias musicais con artistas da talla de Jessie Norman, Dulce Pontes, Noa, Chico Cesar...

Uxía recolle nas súas composicións a esencia de todas esas experiencias que a teñen levado a un contacto permanente con xentes e artistas de culturas afíns.
Todo xorde e flúe como unha consecuencia natural do contacto permanente con artistas destas latitudes e da escoita atenta e continuada das súas músicas ou as músicas tradicionais que as inspiraron.
A súa paixón pola mestizaxe consegue unir e reunir voces, instrumentos, ritmos, sons... é un imán para o talento, e así o demostra como directora artística na creación do Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré, un espectáculo concibido como punto de encontro de artistas da área lusófona no que o escenario se transforma nunha festa multicultural coas mellores voces de Portugal, Brasil, Cabo Verde, Guiné Bissau, etc
Agora preséntanos o seu novo disco, Eterno Navegar, no que percorre camiños de sonoridades atlánticas e ritmos africanos que se mesturan coa súa melodiosa voz e o seu estilo intimista.

Discografía

“Foliada de Marzo” (Edigal 1986)
“Entre Cidades” (Sons Galiza 1991)
“Estou Vivindo no Ceo” (Nubenegra 1995)
“La Sal de la Vida” (Nubenegra 1997) con Rasha, María Salgado e X. Pimentel
“Danza das Areas” (Virgin 2000)
“Eterno Navegar” (Harmonía Mundi, World Village 2008)

www.uxia.net
 

Co financiamento de:
logos_pie_cores