Xoves, 12 Decembro 2024
Leilía
PDF Imprimir Correo-e
LeilíaLeilía somos un grupo de seis mulleres que a finais do 89  decidimos dar a coñecer a música tradicional galega ao son de pandeiretas e voces. Foi unha aposta pioneira e atrevida, pero estabamos decididas a que o canto galego pola súa singularidade, a súa beleza e forza, tivera o seu propio espazo nos escenarios musicais.
Hoxe Leilía é un referente tanto para os que queren achegarse á nosa música tradicional como para os que buscan unha música, que basada na raíz, adobía a tradición con sons e instrumentos que a achegan á música máis actual e fresca que se fai hoxendía en Galiza.

Ao longo destes 20 anos de andaina levamos publicados diferentes traballos: “Leilía (Discmedi)”, “I é verdade i é mentira” (Virgin Records), Madama (Discmedi), “Son de Leilía” (Leilear). Temos colaborado entre outros con artistas da talla de Kepa Junquera, Milladoiro, Bleizi Ruz, Emilio Cao, Os Diplomáticos de Monte Alto, Budiño; nas bandas sonoras de Fisterra e A Rosa de Pedra… Entre os premios destacan Mellor grupo folk tradicional (II Mostra da Cidade Vella), Mellor Banda Sonora por A Rosa de Pedra (Premios Agapi), Galicia en Feminino (Xunta de Galicia), Mellor Canción en Galego por Pedras contra Tanques (Academia de las Artes y las Ciencias de la Música), Mellor espectáculo folk europeo por “Hent Sant Jacques”.

Despois de máis de  20 anos xuntas mantemos a ilusión e o respecto polo traballo que facemos e estamos  embarcadas  nun novo proxecto, que sairá á luz neste 2010.

www.merlobranco.com
 

Co financiamento de:
logos_pie_cores