Sexta, 29 Março 2024
As mulleres silenciadas
Escrito por Galicia Hoxe -Vanesa Oliveira    Quinta, 06 Maio 2010 13:17    PDF Versão para impressão Enviar por E-mail
Prensa - Nos medios
Socorro Lira reúne voces brasileiras, africanas, portuguesas e galegas en ‘Cores do Atlántico’O libro-disco "Cores do Atlántico" reivindica a autoría feminina das cantigas de amigo e incide na sensualidade e erotismo dos seus versos

"Foron mulleres e non homes as que compuxeron as cantigas de amigo; elas transcribíronas, asináronas e algúns, cantaríanas acompañados de cítaras, zanfonas e doutros instrumentos. Mais a creatividade e, polo tanto, a autoría, é das mulleres galegas e portuguesas que viviron nos séculos XII e XIII da Idade Media. E tanto nos ten que fose Mendiño, Martín Codax, Xoan de Cangas ou Pero Meogo quen as rubricasen, porque estamos certas de que esa rúbrica oculta a autoría dunha muller". Así de contundente se mostra a profesora viguesa Camiño Noia no prólogo do libro-disco Cores do Atántico, un traballo impulsado por Ponte... nas ondas! que achega unha nova visión sobre as cantigas de amigo, reinterpretadas pola catedrática holandesa Ria Lemaire e pola cantautora brasileira Socorro Lira mais con ilustracións de Quique Bordell.

O vindeiro 10 de maio estará dispoñible nas tendas galegas este traballo -dispoñible xa para mercar en www.pai-tunes.com- que reúne quince cantigas de amigo cun novo enfoque de xénero, ás que Ria Lemaire devolve non só a súa autoría feminina -cuestionada polo academicismo máis tradicional-, senón que tamén incide nos seus significados máis lexítimos -a sensualidade, o erotismo, a autonomía, a iniciativa amorosa, a reverencia á natureza máxica-.

"Unha preocupación de Ria Lemaire era que traballásemos a sensualidade e o erotismo para trasladalos á música de forma positiva e alegre", explica Socorro Lira que chegou a Galicia en 2006, logo de contactar coa especialista en literatura medieval da Universidade de Poitiers.

O traballo inclúe un libro onde a medievalista fai unha novidosa lectura do contexto e do significado destas cantigas como expresións dunha literatura oral que se mantén viva en Galicia e nos demais lugares onde chegou.

"Estas cantigas non se poden comprender sen entender o contexto no que viviron as mulleres que as cantaban que, ao longo dos séculos, foron silenciadas por causa da relixión e do poder, dun patriarcado violento que coloca a muller no seu dominio", apunta Socorro Lira.

Unha colección de láminas do artista lucense Quique Bordell, realizadas para cada unha das 15 cantigas que se inclúen no disco, acompañan as ilustracións do libro. Bordell fai unha achega artística con diferentes técnicas de collage cunha proposta vangardista sobre as letras das cantigas de amigo.

O disco, con arranxos do músico brasileiro Jorge Ribbas, inclúe ritmos brasileiros como a ciranda, o samba, o batuque, o baião, o congo, o aboio ou a toada nordestina, que tan ben coñece Socorro Lira. Desde o Brasil, a compositora e cantora reúne voces tradicionais como as das Cirandeiras de Caiana de Crioulos xunto a colaboracións de Margareth Menezes "a Maga" e de Cida Moreira.

 

Leilía e Uxía son as voces galegas que participan

Desde Africa, a guineana Eneida Marta achega a súa cálida voz asociada aos ritmos de Guiné Bissau como o Gumbé, a Morna ou a Singa. João Afonso e Teresa Paiva introducen a expresión portuguesa e a sonoridade da gaiteira do Porto. En Galicia, son as voces de Leilía e Uxía as que recrean as cantigas que noutrora cantaron as mulleres neste territorio de orixe da lírica medieval galego-portuguesa.

O acto central do traballo terá lugar o próximo venres 14 de maio, coa espectacular presentación oficial do proxecto na illa de San Simón, cun concerto privado ofrecido por Socorro Lira, Margareth Meneses, Uxía, Eneida Marta, João Afonso, e Teresa Paiva.

Ponte...nas ondas! edita este traballo musical en Galicia e Portugal coa colaboracíon do estudio de gravación Casa de Tolos e o selo discográfico PAIMúsica.

 

"Uxía ten un pé na tradición galega e outro máis adiante"

A curiosidade de Socorro Lira por Galicia naceu cando unha produtora cultural lle falou do lugar onde nacera a súa avoa, onde as mulleres "cantan con voces finas e tocan o pandeiro". Así, entre 2006 e 2007, entrou en contacto coa cultura contemporánea de Francia, Portugal e Galicia. Aquí atopou moitas das expresións ou cancións que se escoitaban no Nordeste brasileiro.

Porén, Socorro Lira considera que no seu país apenas se coñece Galicia, salvo polos emigrantes galegos ou porque se fala unha lingua semellante ao brasileiro. Por iso valora o traballo de divulgación e achegamento á lusofonía de artistas como Uxía. "Ela ten un pé na tradición galega e outro máis adiante. Gústame moito o que fai como poeta e coa súa música. Estivo no proxecto do disco dende o comezo como produtora", apunta.

Socorro Lira é poeta, compositora, intérprete, instrumentista e produtora cultural. Realiza espectáculos e traballos como o Projeto Memória Musical da Paraíba. Ten publicados cinco discos e un libro de poemas.

 

"Unha creación transgresora que subverte a cultura canónica"

A catedrática da Universidade de Vigo, Camiño Noia, é a autora do prólogo do libro que acompaña a Cores do Atlántico, que considera importante polo "magnífico traballo de mestizaxe entre os vellos temas de amor e soidade e os alegres ritmos tropicais", realizado por Socorro Lira, así como "pola ampla presenza de mulleres". Mulleres como as cantadeiras de Brasil "recollendo algodón e froita" e como as campesiñas galegas que cantaban mentres "segaban, ían á fonte ou debullaban o millo ou as fabas na eira". Cores do Atlántico é, para a catedrática, "unha obra diferente, innovadora, da que gozarán os espíritos abertos; mais é tamén unha creación transgresora que, talvez, chegue a escandalizar as conciencias dos académicos tradicionais que non gustan de innovacións. Ademais da ousadía de darlles ás mulleres a autoría das composicións paralelísticas, a obra "subverte a cultura canónica ao fusionar a lírica medieval cos ritmos afrobrasileiros", fuxindo da "concepción patriarcal que foi a dominante en todos os ámbitos culturais", di a profesora.

 

Ligazon directa

 
Com o financiamento de:
logos_pie_cores