Mércores, 01 Decembro 2021
A cantante Socorro Lira e o pintor Quique Bordell revisan as cantigas
Escrito por El Progreso    Venres, 07 Maio 2010 00:42    PDF Imprimir Correo-e
Prensa - Nos medios

Socorro LiraO proxecto Ponte Nas Ondas leva quince anos promovendo actividades culturais a ambos lados da raia galegoportuguesa. O novo paso nese achegamento é o libro-disco ‘Cores do Atlántico’, que colle como referente as cantigas de amigo da tradición medieval conxunta para anovalas tras pasalas pola música da cantautora brasileira Socorro Lira, polas ilustracións do artista lucense Quique Bordell e mais polas novidosas achegas teóricas da profesora da Universidade de Poitiers e especialista en literaturas de transmisión oral Ria Lemaire.

O traballo foi editado por Pai Música, que dirixe o tamén lucense Segundo Grandío, quen comenta que a Asociación Ponte nas Ondas escolleu a Socorro Lira e a Ria Lemaire, «unha profesora que fixo unha tese sobre as cantigas que é moi novidosa porque defende que foron escritas por mulleres». O produtor desenvolve brevemente a teoría da experta argumentando que «elas, nese tempo, estaban ao coidado da leira, da casa e dos nenos, e non sabían escribir».

Transmisión
Segundo Grandío, a especialista holandesa da universidade francesa Ria Lemaire apunta que «esas cantigas ían transmitíndose de nais a fillas e despois era un home quen as poñía
por escrito». O razoamento fáiselle lóxico para Grandío porque «esas composicións falan de mulleres que están á espera do amigo ou están tristes polo amigo».

O texto desta especialista na escrita creativa da Idade Media acomete tamén «unha interpretación do simbolismo que aparce nas cantigas de amigo, revelando que hai moitas metáforas de sentido erótico». Estas figuras refírense «á flor do piñeiro como o órgano sexual masculino e á folla da avelá coma o órgano sexual feminino».

Na súa opinión, o enfoque que fai Ria Lemaire «resulta revolucionario» e ten un espírito axitador que atopa continuidade «no feito de que unha brasileira, como é Socorro Lira, reinterprete a tradición lírica medieval galegoportuguesa», aínda que a visión máis rachadora ao seu modo de ver é a que achega Quique Bordell nos traballos visuais do libro.

A este respecto, fai súa a apreciación de Ponte Nas Ondas no sentido de que o creador plástico lucense «representou cada unha das composicións nunhas ilustracións que transportan a modernidade das cantigas de amigo ao século XXI».

Bordell vai explicando cada unha das composicións poéticas coa súa linguaxe, entre surrealista e pop, e usando a técnica do collage. O vermello e o laranxa cobran
protagonismo para remarcar unhas ilustracións de vestimentas que semellan tiradas de publicacións sobre moda de fins do século XIX e primeiros do XX, así como outras de cervos, corazóns ou boxeadores.

Bordell traballou sobre textos atribuídos polos expertos ao rei portugués Don Denís, ao trovador Fernando Esquío, ao crego Airas Nunes; así como aos xoglares Mendinho, Pero Meogo, Nuno Fernández Torneol, Nuno Fernandez de Mirapeixe, Martín Codax, Johan Zorro, Martín de Ginzo e Pedro Eanes Solaz.

Ese traballo de Bordell vese complementado no aspecto visual «pola recreación da muller que canta e crea que fixo o artista brasileiro Anderson Augusto dende São Paulo», apuntan os promotores deste traballo que une literatura, música e arte visual.

Presentación: Concerto o día 14, en San Simón
O disco-libro ‘Cores do Atlántico’ será presentado o día 14 deste mes nun lugar tan vencellado coa lírica como é a illa de San Simón,coa participación de moitos dos músicos que tomaron parte no concerto.

Trasmisión
O responsable de Pai Música e produtor do álbum que acompaña a este traballo de recompilación literaria, Segundo Grandío, advertiu de que «a capacidade de San Simón
é limitada, polo que imos retransmitir o concerto pola nosa web, ww.coresdoatlantico.eu.

Lusofonía
Socorro Lira chamou por artistas de toda a lusofonía para gravar os temas deste discos. Contou coas brasileiras Cirandeiras de Caiana de Ciroulos, Margaret Menezes e Cida Moreira. A maiores contou con João Afonso e Teresa Pavia (Portugal), Eneida Marta (Guinea Bissau), e Leilía e Uxía.

Ligazón directa

 

Co financiamento de:
logos_pie_cores