O patrimonio común
Imprimir

O Atlántico a bañar os sons da nosa fala …
Cantos na maré ( Uxía )

   

          

Os nenos e  nenas que participaban nas primeiras edicións de  Ponte…nas ondas! admirábanse de que, desde ambas marxes do Miño, puidera xurdir a mesma solución para unha adiviña ou o mesmo desenlace para unha lenda.

Esa descuberta ten funcionado, de forma recorrente, ao longo destes 15 anos de existencia en que, gradualmente, se teñen evidenciado semellanzas no territorio, nos cantares, nas danzas, nas menciñas, nas festas, en fin, no Patrimonio Inmaterial común a Galiza e a Portugal e que, felizmente, compartimos con pobos doutros puntos do mundo, por onde, ao longo dos séculos, fomos pasando e deixando pegadas.


Agora, que Ponte…nas ondas! xa conmemora 15 anos  de actividades, parece oportuno tentar levalos – aos estudantes e a todas as persoas interesadas – a descubrir, de forma agradábel, informal, sen esixencia e da man de grandes artistas, un dos puntos de orixe deste patrimonio común e que é, simultaneamente, un dos momentos máis altos da creatividade deste pobo que, neste canto noroeste da Península Ibérica, soubo crear unha lírica tan  propia e de tal riqueza que, pasados 8 ou 9 séculos, aínda é susceptíbel de nos encantar.

É  por iso que Ponte…nas ondas! ten o pracer de ofrecer, na data dos 15 anos de actividade, un traballo co patrimonio cultural común galego-portugués que se asenta en dúas vertentes: a literaria e a musical.
CORES DO ATLÁNTICO é  unha obra que une, nunha proposta artística, a tres continentes que comparten un mesmo patrimonio: a lírica medieval das cantigas de amigo. Un tesouro que se transmite no século XXI a través do sistema educativo e ao que milleiros de persoas se achegan  en todo o mundo con interese e admiración.

Trátase de unir e compartir, de sentírmonos orgullosos de herdar unha tradición oral que segue a ser a referencia para todas as persoas que se mergullan nas orixes da nosa lingua.

Ponte…nas ondas! vén reivindicando o recoñecemento do patrimonio cultural galego-portugués como unha marca de identidade que galegos e portugueses compartimos en orixe  e que debido a fenómenos de colonización ou migratorios tamén forma parte da identidade dos países de lingua portuguesa. A posta en valor do patrimonio inmaterial galego-portugués como un contexto cultural no que se desenvolveu unha identidade que ten a súa manifestación basilar na lingua común. Un patrimonio común  que se mantivo inalterábel por riba da división política en dous Estados con manifestacións que aínda hoxe conservan unha unidade formal e unha riqueza de expresións estendidas por todo o territorio da antiga Gallaecia e que irradiaron para os máis distantes lugares do planeta.

O Norte de Portugal e Galiza caracterízanse por compartir un territorio cuns condicionantes ecolóxicos onde conviven  expresións patrimoniais semellantes que conforman un espazo cultural claramente caracterizado. A xeografía e a ecoloxía do territorio non só condicionaron os habitantes e as formas de interpretación do seu universo  simbólico senón que impuxeron a adopción de estratexias produtivas particulares.

A especial relación co territorio impregnou as vivencias das comunidades e a súa apropiación constitúe unha das características máis identificadoras deste patrimonio cultural.

A lírica medieval galego-portuguesa, baseada na tradición oral - o medio de transmisión da cultura na dade Media – constitúe unha manifestación que, con novas formas, aínda se mantén  viva no territorio de orixe e con expresións de excelencia. Ese patrimonio ten sido o motor dinamizador da actividade de Ponte…nas ondas! xunto das xeracións máis novas desta Eurorrexión. En todas as actividades da Asociación é patente a preocupación por divulgar, protexer, transmitir e valorizar un patrimonio único, do que todos debemos orgullecernos e que, continuamos a crer, é merecente do máis alto recoñecemento internacional.

É porque entendemos que a lírica galego-portuguesa é o primeiro “monumento” universal deste patrimonio común, que sentimos primeiro o desexo, e despois o orgullo, de poder contribuír á difusión e divulgación das composicións que constitúen o corpus desta manifestación tan orixinal que chegou até nós, tan rica e tan auténtica daquilo que fomos e que, en moitos aspectos, aínda continuamos a ser.


É neste contexto que xorde CORES DO ATLÁNTICO, que é ben a demostración práctica dos ideais que perseguimos porque: aborda unha materia que é, ao mesmo tempo, a orixe e o alto exponente dun patrimonio oral común que, vindo desde o século XII chega aos nosos días; une aos detentores orixinarios deste patrimonio con varios pobos que o comparten con eles resultando unha conxugación de vontades de persoas que, dispersas polo mundo, senten o mesmo pracer e o mesmo gusto en compartir este aspecto do seu patrimonio.  Esas vontades foron, esencialmente, as de Socorro Lira desde o Brasil, a de Ria Lemaire desde Poitiers e a de Ponte…nas ondas! desde a Gallaecia.

Nas redes deste patrimonio que se estende polo Atlántico están tamén  as vontades e as voces de Margareth Menezes, Cida Moreira, Caianas de Crioulos desde Brasil, Eneida Marta de Guiné Bissau, Teresa Paiva e João Afonso de Portugal e Uxía e Leilía de Galiza.

Son os ollos do Brasil os que fan a lectura e a interpretación musical  destas cantigas de amigo. É a música brasileira que recrea unha expresión do noso/ seu patrimonio cultural común e faino con toda a riqueza, variedade rítmica e cálida voz de Socorro Lira que as interpreta e comparte con outros acentos e sonoridades. 

O estudo sobre a interpretación do contexto sociocultural onde xurdiron as vellas cantigas, que no territorio interpretaban as mulleres, corresponde a unha erudita e prestixiosa profesora, Ria Lemaire, especialista en literaturas de transmisión oral quen, con  rigor e sensibilidade, é quen de procurar as raíces máis profundas das composicións que coñecemos como cantigas de amigo galego-portuguesas. 

CORES DO ATLÁNTICO é  tamén unha proposta plástica que chega da man de dous novos  creadores:  Anderson Augusto, desde São Paulo, interpreta á muller que canta e crea as cantigas na beira do Atlántico. Quique Bordell, desde Lugo, representou cada unha das composicións nunhas magníficas ilustracións  que transportan ao século XXI a modernidade das cantigas de amigo. 

O achegamento ao mundo da lusofonía,, que comparte elementos identitarios desta cultura orixinaria, non só é posíbel, senón mesmo necesario. As ondas do Atlántico levan as voces e os desexos dos que compartimos unha mesma raíz . 

A todas as persoas que constrúen pontes sobre as ondas…

Ponte…nas ondas! 2010