Socorro Lira
Imprimir
Socorro LiraNacín no ano 1974, no lugar de Silva, zona rural de Brejo do Cruz, Paraíba, Nordeste Brasileiro. Fun bautizada  como María do Socorro Pereira e máis tarde fun chamada de Socorro Lira, por causa de meu pai, Zé Lira. Miña nai chámase Benedita, e foi quen formou a persoa que son hoxe. Ela traballaba moito e cantaba mentres traballaba; a súa cantiga preferida era o aboio, o canto dos vaqueiros.

Crecín alí e ademais da nai que cantaba e contaba historias lindas, eu ouvía os cantos de viola ( o repentismo, a improvisación oral ) pola radio, ía aos forrós na casa de Dona Zefa, tocaba lata acompañando meu tío Antônio Gavião, un eximio tocador de Berimbau de Lata.

Cando comecei a frecuentar a escola, intereseime bastante pola lectura e a literatura de cordel foi un grande achado. Tomei gusto pola poesía. Eu quería ser escritora, mais brincaba moito e non tiña tempo para a escrita. Hoxe traballo en demasía e aínda non tiven tempo de escribir, á vontade, os libros que desexo publicar. Excepto un único que fixen, de poemas.

Con catorce anos e medio saín do rural e fun morar na cidade, Brejo do Cruz. Entón, tiven contacto cun mundo xa tan grande para a medida que eu tiña...que me asustei, ao principio. Mais pronto tratei de me acostumar coa novidade, con certas “modernidades” que por alí chegaban aclamadas como marabillas do Sur e do Sueste do Brasil. Unha delas, a TV, fascinoume moito. Vía os cantantes e as cantantes nos programas de domingo, aquilo era unha marabilla.

Nese momento implícome co movemento xuvenil da igrexa católica, espazo onde aprendín moito sobre min e sobre a vida; sobre nosa realidade social, sobre o Nordeste dentro do Brasil. Comprendín que moitas cousas precisaban mudar. Levantei a bandeira do partido político que me encantaba e que prometía resolver os graves problemas sociais do pobo brasileiro. Comprometinme en movementos populares. No colexio, fun dirixente de gremio estudantil. Fíxenme profesora e loitei no sindicato. Ese foi, certamente, o momento máis fecundo da miña vida en termos de aprendizaxe. Reflectir sobre o meu país e a América Latina, sobre os problemas ambientais que ameazan o planeta fíxome espertar. Comprendín algunhas cousas que definirían o meu camiño máis á fronte.

Un pouco despois, en 1995, fun morar nunha vila rural de Alagoa Grande, onde traballei na organización de grupos, principalmente mulleres, con vistas á ocupación de terras naquela rexión do Brejo Paraibano. Ao mesmo tempo, entrei na Universidade Estadual da Paraíba, en Campina Grande, formándome no ano 2000 en Psicoloxía Social. Aínda nese momento, comecei a estudar guitarra no Departamento de Artes da Universidade Federal da Paraíba, na mesma cidade.

En Campina Grande tiven contacto co cinema,  cos museos, co teatro, coa música. Coñecín persoas moi xenerosas que me axudaran a trazar os primeiros pasos na música. Entón, un pouco afastada do Sertão, puiden volver o ollar para miña terra e entender como ela ten valores, como é rica! Se un día a moeda é  “carácter e decencia”, en vez de diñeiro, a xente de alí  nunca máis será pobre.

Fun atrás deses poetas, desas cantadeiras, das dançadeiras, dos tocadores, das cirandeiras e coquistas de Caiana dos Crioulos. A medida que me voltaba para o meu lugar, máis lonxe eu vía... moi alén dos límites da Paraíba; e vin o Brasil e comecei a enxergar o mundo, agora relativamente pequeno mergullado no proceso de globalización.

Dentro diso que eu vía, ouvía e vivía nos grupos tradicionais, na comunidade, con compañeiras, con amigos e amigas compuxen cada vez máis cancións e viñeron os CDs. E veu São Paulo e así todo por diante. E xunto, a responsabilidade para con esa historia que non é soamente miña que é, si, colectiva. De modo que  a miña canción non deberá xamais se afastar desa motivación inicial que é un correcto apaixonamento pola vida e seus motivos. A xustiza, a liberdade, o servizo, a compaixón, a paixón, o afecto, o amor sen límites... para min esas forzas son tan necesarias canto o osíxeno, a auga e o pan. Eternas procuras.

Gustaríame que  a miña estadía na Terra fose útil, especialmente para  a miña xente do Sertão da Paraíba, do Nordeste e do Brasil, claro. Cargo no corazón moitas angustias e proxectos. E coraxe, moita coraxe de traballar para realizalos. A madureza tráenos a tranquilidade de quen planta hoxe para coller cando haxa froitos. Confiar no pulso firme do tempo e da natureza é unha lección que só se aprende vivindo.