O camiño
Imprimir

Ilustración de Anderson Augusto

Cores do Atlântico é un traballo musical dunha moza compositora brasileira que adaptou poemas líricos de mulleres que viviran durante un período da Idade Media na parte da Europa onde hoxe están Galiza - unha rexión autónoma da España - e o Norte de Portugal, ambas no Noroeste da Península Ibérica e que comparten unha mesma cultura.


No ano de 2005 eu acababa de chegar a São Paulo de “mala e cuia” e con moito que  “inventar”. Tiven entón a idea de facer un disco de música portuguesa que me podería, eventualmente, levar a aquel país, imaxinaba. Nunha noite paulistana de case entroido estabamos na casa dun amigo e eu comentaba sobre miña intención de gravar ese álbum luso-brasileiro. O fado de Amália encantábame e era o que mellor eu coñecía de Portugal; pouco sabía da riqueza musical e dos artistas portugueses que non chegan ao Brasil a través dos grandes medios ou das grandes discográficas.

Foi nesa noite que Andrea Lago me suxeriu facer un disco con aquelas tales Cantigas de Amigo Medievais, as cales, segundo Ría Lemaire, eran creadas por mulleres daquel pedaciño da Europa onde “elas cantan finiño”, clara referencia ás pandereteiras a quen eu encontraría máis tarde. Inocente, quedei entusiasmada coa idea sen me dar conta da profundidade do asunto que me roldaba. Mais a posibilidade de tocar a cuestión da voz das mulleres na música e na literatura, desde a Idade Media, atizoume.

En setembro de 2006, para coñecer persoas da Galiza - galegas de verdade, participei nun congreso de estudos galegos en Salvador. Inmediatamente fun a Francia e, na Universidade de Poitiers, onde traballa a Profesora Ría Lemaire, tiven acceso á súa tese. O mesmo ano visitei o territorio da Gallaecia, na España e Portugal. De modo que viaxei para eses lugares de 2006 a 2008 seguidamente.

A miña idea, aínda verde en 2006, obtivo eco na Galiza. Coñecer a Profª. Camiño Noia Campos, Gonzalo Navaza e Uxía foi como encontrar a claridade que me faltaba ao pensamento. Comprender un pouco da historia, así como a actual atmosfera cultural do pobo galego,  foi fundamental, pois, como testemuñan os textos seleccionados, veñen daquela xeografía as tales cantigas ( “Ondas do mar de Vigo...”), e os supostos autores, na súa maioría, tamén eran galegos.

Adorei a Galiza, sentinme na casa. A min,  parecíame o meu Nordeste brasileiro ensolarado, festeiro, alegre e acolledor. Tal vez un pouco bucólica (boa por iso!) como nós, porén viva, vibrante!

Iniciei, con contribucións valiosísimas de Ría Lemaire e Gonzalo Navaza, o proceso de adaptación dos textos e de creación das melodías. En 2007, a través de Uxía, coñecín Santi Veloso, de Ponte...nas Ondas!, que se interesou polo meu proxecto Cores do Atlântico xa que este trata dunha parte importante do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués que nos é común. Firmamos unha importante colaboración no sentido de materializar as impresións que me motivaran durante eses catro anos de vida. Desde o inicio tiven a colaboración de Jorge Ribbas que asina a dirección deste traballo musical.

E máis ou menos dese modo eu souben que o galego é un pobo detentor dunha cultura propia e moi parecida coa miña. Antes pensaba que galega era toda persoa “loirinha”, aprendérao así. E foi así tamén que “descubrín” Portugal,  lindo e rico en música, lonxe da comprensión por veces estreita que se ten, no Brasil, dese país tan próximo.

Mergullei o máis fondo que puiden nunha antiga tradición de mulleres que inventaban e inventan cancións para expresar a vida e os seus motivos.

Finalmente, sei que este traballo agrega un tanto de valores e estes me animaron no sentido de facelo. Non obstante, un desexo meu, en particular, é que el soe ben aos oídos de quen se propuxer oílo como un traballo musical, resultado dun proceso creativo envolvente, apaixonante.

Socorro Lira.
Brejo do Cruz, Paraíba, Brasil. Outubro de 2009.