Abrollan cores atlánticas en San Simón
Escrito por Vieiros.com    Venres, 14 Maio 2010 11:41    Imprimir
Prensa - Nos medios

Ilustración de Anderson AugustoO libro-disco 'Cores do Atlántico' preséntase este venres nun evento especial. O concerto pode seguirse en directo a través da rede.

"E máis ou menos dese modo eu souben que o galego é un pobo detentor dunha cultura propia e moi parecida coa miña. Antes pensaba que galega era toda persoa 'loirinha', aprendérao así. E foi así tamén que 'descubrín' Portugal, lindo e rico en música, lonxe da comprensión por veces estreita que se ten, no Brasil, dese país tan próximo". Así o conta Socorro Lira na presentación do libro-disco Cores do Atlántico.

"Este disco é unha sinxela ofrenda en memoria de todas as mulleres violentamente mortas, física e psicoloxicamente, desde o Martelo das Bruxas até os días actuais. E dedícoo especialmente ás que viven", subliña a cantora brasileira na introdución.

A iniciativa, xurdida do impulso da propia Socorro Lira, desde o Brasil, da estudosa Ria Lemaire, desde Poitiers, e de Ponte nas Ondas "desde a Gallaecia", é unha demostración práctica dos ideais polos que o colectivo pedagóxico galego-portugués vén traballando desde hai quince anos: "Trata unha materia que é ao mesmo tempo, a orixe e o alto expoñente dun patrimonio oral común que, vindo desde o século XII chega aos nosos días; une aos detentores orixinarios deste patrimonio con varios pobos que o comparten con eles resultando unha conxugación de vontades de persoas que, dispersas polo mundo, senten o mesmo pracer e o mesmo gusto en compartir este aspecto do seu patrimonio".

No concerto de presentación este venres na illa de San Simón estarán Socorro Lira, Uxía, Eneida Marta, João Afonso e Teresa Paiva. Tamén está confirmada a presencia, por vez primeira en Galiza, de Margareth Menezes, a "Maga", quen participara desde a distancia na XV edición de Ponte nas Ondas compondo o tema Portugaliza, e que esta sexta feira poderá interpretar en directo en San Simón. As actuacións poden seguirse en directo a través de internet.

Ligazon directa