'Cores do Atlántico', peneira de esforzos en prol do patrimonio galego-portugués
Escrito por Vieiros    Segunda, 26 Abril 2010 01:00    Versão para impressão

Uxía Senlle (izquierda), Socorro Lira y Santiago Veloso. EfeUn libro-disco, un documental e un concerto, animaron o peche da cita internacional 'Pontes de Cultura, Pontes de Futuro'.

"O traballo de Ponte nas Ondas é unha referencia internacional no eido do patrimonio inmaterial". Así o subliñiu Ria Lemaire, a lingüísta dos Países Baixos afincada en Francia á hora de avaliar o labor da asociación. Foi durante a súa conferencia na Cámara Municipal da vila portuguesa de Melgaço, a onde se trasladou a última xornada de clausura do congreso 'Pontes de Cultura, Pontes de Futuro', organizado polo colectivo pedagóxicvo Ponte…nas Ondas!.

Nesta derradeira xornada, a propia Lemaire impartiu a conferencia 'As cantigas de amigo galego-portuguesas: primeiras mostras do patrimonio cultural galego portugués', na que defendeu a autoría feminina nas Cantigas de Amigo facendo unha louvanza ás mulleres daquela época. A continuación, o escritor lugués Antonio Reigosa fixo un resumen do “Certame de Recolla do Patrimonio Inmaterial galego portugués” organizado pola Asociación e que, este ano vai pola terceira edición. O antropólogo recalcou a importancia que esta iniciativa ten na recuperación, preservación e transmisión dos saberes tradicionais e o incremento de participantes en cada edición.

De seguido, o músico e produtor Segundo Grandío relatou como se realizou un dos proxectos estrela da asociación: o cd-dvd Meniños Cantores, editado polo selo Pai Música no ano 2005 e no que participaron 17 escolas galegas e portuguesas. Este traballo foi realizado como apoio á Candidatura de Patrimonio Inmaterial promovida pola asociación e presentada no ano 2005 diante da UNESCO e supuxo un fito neste tipo de proxectos. De paso, aproveitouse para presentar o proxecto literario musical “Cores do Atlántico” da cantante brasileira Socorro Lira, que, acompañada de Uxía Senlle explicou como se xestou e preparou a iniciativa, agradecendo o patrocinio de Ponte…nas Ondas!. Como clausura, un concerto de Socorro Lira (Brasil), Joao Afonso (Portugal) e Uxía Senlle (Galiza) na Casa da Cultura, nun día sinalado, o 25 de Abril no que se conmemoraba a Revolución dos Cravos en Portugal.