Uxía

Uxía

Uxía concibe escribindo palabras e músicas que saen sempre do máis profundo e íntimo do ser, da alma. Mais de vinte anos de carreira artística convértena nunha das voces máis populares e valoradas da nosa lingua. As súas cancións teñen sempre a presenza latente ou explícita da música tradicional, cun tratamento anovador e persoal.
Desde o seu debut con Foliada de Marzo en 1986, o seu traballo representa un punto de encontro para as diferentes culturas, un xeito de comunicación entre pobos e xentes.

Integrante do grupo “Na lúa” até 1991, Uxía emprende un camiño en solitario que responde a unha natural evolución da súa carreira artística. Nese mesmo ano publica “Entre cidades”, e catro anos despois, “Estou Vivindo no ceo”, disco que afianza a súa proxección internacional.

En 1997 edita xunto ás cantantes Rasha e María Salgado e o guitarrista Cuchús Pimentel La sal de la vida, un disco marcado pola diversidade e polo cruce cultural.
Xa en 2000 publica Danza das areas, un traballo que representa un punto de inflexión na súa traxectoria con composicións propias e sons máis contemporáneos.

Sempre tivo a convicción de que un pobo que cantou desde tempos inmemoriais non pode perder un instrumento tan fundamental como a propia voz. Por esa razón, promoveu a creación de grupos de cantareiras e participou en numerosas experiencias musicais con artistas da talla de Jessie Norman, Dulce Pontes, Noa, Chico Cesar…

Uxía recolle nas súas composicións a esencia de todas esas experiencias que a teñen levado a un contacto permanente con xentes e artistas de culturas afíns.
Todo xorde e flúe como unha consecuencia natural do contacto permanente con artistas destas latitudes e da escoita atenta e continuada das súas músicas ou as músicas tradicionais que as inspiraron.
A súa paixón pola mestizaxe consegue unir e reunir voces, instrumentos, ritmos, sons… é un imán para o talento, e así o demostra como directora artística na creación do Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré, un espectáculo concibido como punto de encontro de artistas da área lusófona no que o escenario se transforma nunha festa multicultural coas mellores voces de Portugal, Brasil, Cabo Verde, Guiné Bissau, etc
Agora preséntanos o seu novo disco, Eterno Navegar, no que percorre camiños de sonoridades atlánticas e ritmos africanos que se mesturan coa súa melodiosa voz e o seu estilo intimista.

Discografía

  • “Foliada de Marzo” (Edigal 1986)
  • “Entre Cidades” (Sons Galiza 1991)
  • “Estou Vivindo no Ceo” (Nubenegra 1995)
  • “La Sal de la Vida” (Nubenegra 1997) con Rasha, María Salgado e X. Pimentel
  • “Danza das Areas” (Virgin 2000)
  • “Eterno Navegar” (Harmonía Mundi, World Village 2008)

www.uxia.net